Logo Eleccións 2020
Logo da Xunta de Galicia

Votación das persoas residentes temporalmente no estranxeiro

Como se vota desde o estranxeiro?

Os/as electores que se atopen temporalmente no estranxeiro entre a convocatoria do proceso e a súa celebración, e desexen votar, deberán solicitalo previamente.

Entrega da solicitude do voto por correo nas Oficinas ou Seccións Consulares das Embaixadas: entre o 19 de Maio e o 13 de Xuño.

Envío por parte da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral da documentación ao elector: entre o 16 e o 22 de Xuño.


Remisión por parte do elector á mesa electoral correspondente da documentación necesaria para a emisión do voto: entre o 16 de Xuño e o 8 de Xullo.

Os españois que se atopen temporalmente no estranxeiro e que desexen votar deben solicitar a documentación para exercer o seu dereito de sufraxio desde o estranxeiro á correspondente Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, non máis tarde do vixésimo quinto día posterior á convocatoria.

A solicitude debe realizarse mediante impreso específico que poderá recollerse nas Oficinas Consultares de Carreira ou Seccións Consulares de Embaixada, descargalo da Web do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación (www.mae.es) ou a través desta ligazón (Impreso de solicitude de voto dos/as electores/as temporalmente ausentes).

O prazo para efectuar a solicitude vai desde o día da publicación da convocatoria electoral até o 13 de Xuño.

Para entregar a solicitude, o/a elector/a debe presentarse nas Oficinas Consulares ou Seccións Consulares das Embaixadas e entregar a solicitude cumprimentada, dirixida á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, indicando o enderezo postal no que desexa recibir a documentación.

O consulado esixiralle ao elector ou electora a súa identificación mediante a exhibición do DNI ou pasaporte e verificará a súa inscrición no rexistro como “non residente” así como a coincidencia da firma que figura na solicitude co DNI ou pasaporte.

Seguidamente o consulado remitirá a solicitude de voto por correo á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente.

A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, unha vez recibida a solicitude, anotará no censo que o elector ou electora van votar por este procedemento a fin de que non vote persoalmente, o día da votación, na mesa electoral.

A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral enviará a documentación por correo certificado e urxente ao domicilio do elector ou electora, no estranxeiro. En concreto recibirá a folla explicativa, o certificado de inscrición no censo, as papeletas e sobre de votación e o sobre dirixido á mesa electoral.

O prazo para enviar a documentación electoral é a partir do día vixésimo oitavo posterior á convocatoria electoral (do 16 ao 22 de Xuño).

Unha vez que o elector ou electora recibiu a documentación, introducirá no sobre dirixido á mesa electoral o certificado de inscrición no censo e o sobre de votación coa papeleta elixida. E, se así o desexa, o impreso enchido para a devolución dos gastos de franqueo polo envío do voto á mesa electoral.

Será indispensable para a validez do voto que conste claramente no sobre dirixido á mesa electoral un cuño ou outra inscrición oficial da Oficina de Correos do Estado que certifique o cumprimento do requisito do envío do voto tres días antes de ter lugar as eleccións, é dicir, antes do 8 de Xullo.

Utilizamos cookies para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, analizando a navegación no noso sitio web. Pode obter máis información pulsando aquí